Regulamento de honras

logo APAVREGULAMENTO DE HONRAS, DISTINCIÓNS E CONDECORACIÓNS

ASOCIACIÓN PROVINCIAL DE AGRUPACIÓNS E ASOCIACIÓNS DE VOLUNTARIOS DE PROTECCIÓN CIVIL DE PONTEVEDRA. (APAV-PONTEVEDRA)

Exposición de motivos

Co fin de premiar, agradecer e recoñecer os méritos e servizos daquelas persoas
físicas ou xurídicas, organismos, entidades e colectivos que se distinguiran
notoriamente polas súas accións á sociedade, dedicación e apoio prestado, así
como por actividades de promoción, formación e divulgación en materia de
Protección Civil, seguridade e emerxencias, regulaméntanse as honras, distincións
e condecoracións seguintes:

Capítulo I.
Das Honras, Distincións e Condecoracións
da APAV-PONTEVEDRA

Artigo 1. – As honras, distincións e condecoracións que a APAV-PONTEVEDRA poderá conceder, co fin de recoñecer especiais merecementos, serán:

Medalla categoría de Ouro ao Mérito e Diploma Acreditativo.
Medalla categoría de Prata ao Mérito e Diploma Acreditativo.
Medalla categoría de Bronce ao Mérito e Diploma Acreditativo.
Placa categoría de Ouro ao Mérito e Diploma Acreditativo.
Diploma ao Mérito.
Diploma de Recoñecemento.

1.2.- En cada anualidade só se poderán conceder como máximo, unha Medalla de Ouro, dúas de Prata e tres de Bronce.

1.3.- Non obstante, se a xuízo da Xunta Directiva da asociación, existisen
circunstancias excepcionais que nalgunha ocasión recomendasen modificar estas cantidades, tal proposta deberá someterse ao acordo maioritario da Asemblea Xeral.

Capítulo
II
Descrición

Artigo 2. - Todas as honras, distincións e condecoracións a que fai referencia o presente Regulamento, son de carácter exclusivamente honorífico, sen que outorguen ningún tipo de dereito económico e poderanse outorgar individual ou colectivamente.

Artigo 3. - As medallas das Categorías de Ouro, Prata e Bronce, e a Placa ao Mérito, seguirán o deseño que acompaña o presente regulamento, podendo a APAV-PONTEVEDRA acordar a realización de medallas miniatura e insignias das mesmas, cos acabados de cada categoría, así como outros soportes para a Placa.

3.2.- As medallas colgarán dunha fita coas cores da bandeira galega. Cada unha destas medallas, irá acompañada do seu pasador de condecoración, correspondente á categoría desta, levando no seu centro a insignia da APAVPONTEVEDRA, e a fita da bandeira galega.

3.3.- As medallas solo poderán ser utilizadas no uniforme de representación ou gala, cando os actos aos que se asista, teñan especial relevancia.Levaranse no lado esquerdo do peito a altura do peto.

3.4.- Os pasadores das medallas poderán levarse no uniforme de diario e no de gala ou representación cando non se participe nun acto de especial
relevancia.

3.5.- A utilización das medallas sen uniforme, quedará reservada unicamente para frac, chaqué ou traxe, en actos de especial relevancia, e como máximo unha.

Artigo 4. - Os diplomas de Recoñecemento e ao Mérito, serán de tamaño
axeitado e describirán os motivos da súa concesión.

Capítulo III.
Dos principios e criterios que deben
guiar as concesións

Artigo 5. - As honras, distincións e condecoracións do presente Regulamento, poderán ser concedidos a persoas físicas ou xurídicas, organismos, entidades e colectivos que se distinguisen notoriamente polas súas accións, dedicación e apoio prestado, así como por actividades de promoción, formación e divulgación en materia de Protección Civil, seguridade e emerxencias.

5.2.- Igualmente, poderá acordarse a súa concesión a título póstumo.

Artigo 6. - A concesión destas honras, distincións e condecoracións será
competencia da Xunta Directiva da APAV-PONTEVEDRA a iniciativa de calquera dos seus membros.

6.2.- Non obstante, se algún voluntario ou algunha das Agrupacións ou
asociacións de forma individual ou colectivamente, elevase unha proposta,
procederase á súa resolución por parte da Xunta Directiva nun prazo non
superior a tres meses.

Artigo 7. - A Medalla na súa categoría de Ouro, concederase a persoas ou
institucións nacionais ou estranxeiras, que destacasen de forma sobresaínte e honorable polas súas accións e servizos en materia de Protección Civil, Seguridade, Emerxencias e na Defensa do Medio Ambiente, como mostra da alta consideración que nos merecen.

7.2.- Aos Presidentes da APAV-PONTEVEDRA, unha vez cumprido o mandato do cargo e sempre que permanecesen no mesmo un mínimo de catro anos seguidos ou alternos, concederáselles a máxima distinción que outorga este regulamento. Sempre que o seu comportamento fora honorable e que non existan razóns para a súa non concesión.

7.3.- Os membros da Xunta directiva, unha vez cumprido o mandato do cargo e sempre que acheguen certificación de colaborar activamente na xunta da asociación por un período mínimo de catro anos seguidos ou alternos, terán dereito á Medalla desta asociación na súa categoría de prata e ao diploma acreditativo. Terase en conta sempre que o seu comportamento fora honorable e que non existan razóns para a súa non concesión.

7.4.- Todas as persoas que no seu día subscribiron a acta de Constitución da APAV-PONTEVEDRA, terán dereito á Medalla desta asociación na súa categoría de bronce e ao diploma acreditativo. Terase en conta sempre que o seu comportamento fora honorable e que non existan razóns para a súa non concesión.

7.5.- As Medallas de Bronce e Prata ó Mérito poderán ser solicitadas por calquera concello ou agrupación/asociación de protección civil da provincia de Pontevedra, para recoñecer e premiar a antigüidade e constancia no servizo de calquera dos seus voluntarios, sempre que polo menos se acrediten documentalmente 15 anos para a de Bronce e 25 anos para a de Prata.

A solicitude deberá dirixirse ao Presidente ou á Xunta Directiva da APAVPONTEVEDRA, debendo acompañar certificación de antigüidade expedida por calquera administración pública ou agrupación/asociación de voluntarios. Tamén se acompañará certificación da xunta directiva da agrupación/asociación acordando facer a solicitude , facendo constar que a persoa proposta reúne os requisitos de antigüidade, constancia e honorabilidade necesarios, ademais de copia do D.N.I. e unha foto de carnet do solicitante. As solicitudes recibidas incompletas, non se tramitarán.

7.6.- Poderanse conceder máis dunha medalla de cada categoría a un mesmo titular.

Artigo 8. - Os diplomas ao mérito e os de recoñecemento, ademais de aos Voluntarios de Protección Civil e persoal de servizos de emerxencias,
seguridade e defensa do medioambiente, concederanse a calquera persoa física ou xurídica, que a xuízo da Xunta Directiva da APAV-PONTEVEDRA, mereza tales distincións.

8.2.- Poderán concederse varios diplomas a un mesmo titular, pero por
conceptos diferentes.

 

Capítulo IV.
Das formalidades para a concesión das
distincións

Artigo 9. -. A concesión das honras, distincións e condecoracións que son obxecto deste Regulamento terá que realizarse por acordo da Xunta Directiva da APAV-PONTEVEDRA, previa deliberación, debendo quedar acreditadas as accións, servizos ou méritos que son causa da distinción. Dito acordo figurará no Libro de Actas da asociación.

Capítulo V
Do Libro de Rexistro de Honras, Distincións e
Condecoracións

Artigo 10. -. Será no Libro de Sinaturas da APAV-PONTEVEDRA onde se levará un rexistro no que se inscribirán os nomes das persoas, colectivos e entidades distinguidas, e no que constarán ademais, os datos e circunstancias de máis interese postos de manifesto no acordo de concesión. O Secretario da asociación será o encargado de poñer ao día e custodiar o mencionado Libro.

Este Regulamento entrará en vigor, o mesmo día da súa aprobación pola
Asemblea Xeral da APAV-PONTEVEDRA,

CONDECORACIÓNS


condecoraciones2

 

PLACA DE OURO

placa-merito

PASADORES

 

oromerito

Pasador da Medalla categoría de Ouro ao Mérito.

plata-merito

Pasador da Medalla categoría de Prata ao Mérito .

bronce-merito

Pasador da Medalla categoría de Bronce ao Mérito.

pasador-plata

Pasador da Medalla de Prata ao Mérito por Antigüidade e Constancia no servizo, con alomenos 25 anos acreditados.


pasador-bronce

Pasador da Medalla de Bronce ao Mérito por
Antigüidade e Constancia no servizo, con alomenos
15 anos acreditados.

–Os pasadores das condecoracións de categoría Prata e Bronce levarán unha fita correspondente ao color da súa categoría, e outra da bandeira galega de 15 mm.
–O pasador da condecoración de categoría Ouro, levará a fita da bandeira galega.
–Todas as fitas dos pasadores levarán no seu centro a insignia da APAVPONTEVEDRA.
–Os pasadores das medallas a Antigüidade e Constancia, levarán unha fita correspondente ao color da súa categoría e outra da bandeira galega de 10 mm., ademais levarán sinalada a antigüidade que corresponda, en número, á dereita e esquerda da insignia da APAV-PONTEVEDRA.